X.S.G.
EDUCACIÓN
- O sistema educativo do noso país foi evolucionando ó
longo do século en consonancia coas circunstancias sociais, económicas
e políticas que foron surxindo, Coa lei xeral de ordenación
do sistema educativo de 1990 (‘L.O.G.S.E.’), confíase en conquerir
un ensino de calidade para nenos e xóvenes, acorde coas esixencias
sociais ás que estes se deberán enfrontar.
- Por iso, os socialista galegos apostamos por unha educación
pública e de calidade que estea ó alcance de tódolos
estudiantes galegos. A educación é importante a tódolos
niveis: primaria, secundaria, ensinos medios, e universidade.
- Aplicando o novo espíritu da L.O.G.S.E. débese esixir
e conquerir unha educación comprensiva, o que significa compaxinar
unha oferta común para tódolos estudiantes coa necesidade
de atender ás diferencias de aptitudes, intereses e motivacións
que existen entre eles.
- Como socialistas non podemos concebir outro sistema educativo que o
sistema público, no que se garanta o dereito a unha educación
libre, gratuita, plural e digna para tódolos cidadáns sen
exclusión algunha. Debe servir como elemento para a formación
intelectual e moral de toda a sociedade; a educación debe se-lo
instrumento dun estado socialista contra as desigualdades, xa que debe
preparar en igualdade de condicións a tódalas persoas, outorgando
a tódolos homes e mulleres as mesmas oportunidades.
- Asemade entendemos que a educación é o verdadeiro elemento
de solidariedade co que os países desenvolvidos deben axudar ó
terceiro mundo, xa que a educación non só aporta unha das
principais bases para o desenvolvemento económico das zonas máis
desfavorecidas, senón que implica un desenrolo cultural que garante
sociedades máis estables e máis desfavorables á aparición
de conflictos bélicos.
- Debemos recoñecer e alaba-la laboura feita polo Partido Socialista
durante a súa etapa á fronte do governo, pero non por iso
debemos ceder no noso empeño; debemos continua-lo traballo feito.
E nesta liña presentamos algunha ideas, ou simples suxerencias que
poderían mellora-lo sistema educativo:
- - Defensa dun ensino multicultural, dunha coeducación, educación
afectiva e sexual axeitada, fomentando a igualdade entre os sexos, tendo
en conta como está respostando o novo sistema educativo ó
reto básico de favorece-lo desenvolvemento e a promoción
de toda a poboación adolescente a traverso dunha educación
respetuosa coa diversidade e compensadora das desigualdades.
- - Defensa dunha educación interdisciplinar e transversal; esto
tradúcese no feito de que tódolas materias estean en conexión
e na introducción de temas como a educación para a saúde,
para o medio ambiente, sobre as drogodependencias e para a paz. Sería
axeitada a incorporación de asignaturas nas que os rapaces poidan
recibir unha formación ecolóxica, na que aprendan a respeta-lo
seu entorno e a natureza e que os impliquen na loita activa pola conservación
do medio ambiente; e de formación cívica e de consumo, onde
se lle ensine ó individuo a defende-los seus dereitos e a respeta-los
dos demais, así como un consumo racional no que se teña en
conta as necesidades da colectividade.
- - Apostar por unha educación compensatoria xa que esta xorde
(normalmente) como consecuencia e efecto do principio de igualdade de oportunidades
educativas e sociais. Entendemos que ten por obxecto contribuir a resolve-lo
problema da desigualdade que afecta a persoas e grupos necesitados dunha
atención específica por razóns de natureza económica,
social, xeográfica, cultural, etc..., e tamén por razóns
de índole educativa relacionadas con limitacións dunha realidade
deprimida na que se constaten taxas elevadas de abandono escolar (na educación
básica e na formación profesional), analfabetismo, desescolarización,
fracaso escolar. Cremos que unha solución (e non a única)
pode se-la creación de equipos de apoio formados por especialistas
en psicoloxía e pedagoxía, é dicir, que se estime
imprescindible a garantía dunha axeitada orientación escolar,
en tódolos niveis educativos (xa sexa orientación de tipo
ético, cara o mundo laboral, ante a superación de hábitos
sociais-persoais negativos, discriminatorios, ou tamén orientación
educativa a tódolos grados de alumnos de cada centro, especialmente
nos intres críticos da súa escolarización), xa que
todo centro educativo de ensino non universitario, tanto público
coma privado, debería contar cunha unidade ou departamento de orientación
educativa, cousa que hoxe en día non se fai e que considaramos coma
un sistema imprescindible para alumnos que, estando en contacto co seu
entorno, sofren os cambios que xorden na sociedade a nivel ético,
cultural, político e económico. Estes equipos orientadores
poden ser moi útiles para frena-lo fracaso escolar, tan frecuente
hoxendía nos centros educativos galegos.
- - Apoio á escola rural e á educación a distancia.
- - Fomento da participación de pais e alumnos nos consellos escolares,
por medio de reunións e campañas informativas, para que os
xóvenes asuman responsabilidades dende novos e aprendan a defende-los
seus dereitos.
- - Emprego da educación co obxectivo básico de formar
individuos cun forte carácter participativo na sociedade e sobor
de todo no campo educativo, así coma fomenta-lo espirito crítico.
Por iso é fundamental que as X.S.G. estean presente nunha asociación
xuvenil socialista, tanto no ensino medio coma no universitario, se é
preciso en colaboración cos profesores e asociacións socialistas.
X.S.G. sufre a nivel estudiantil-xuvenil xeralmente unha situación
discriminatoria por non ter unha representación digna dun ideal
de esquerdas. Tense que conquerir que o noso modelo de educación
e liñas inspiradoras da nosa política estean engarzadas activamente
nos foros de debate do sistema educativo galego, non podemos quedar atrás
con respecto doutras organizacións xuvenís que si están
a participar nestes foros de debate. Unha meirande parte dos votantes xóvenes
progresistas deben ter á nosa organización como a súa
canle de participación estudiantil, e por estas e outras razóns
as X.S.G. deben crear no menor tempo posible unha asociación galega
de estudiantes que leve por bandeira a palabra socialista, que englobará
tanto o ensino medio coma o universitario, e onde os seus membros participen
activamente sen esconde-las nosas siglas e os sinais de identidade do socialismo
galego. Esta asociaciación ocupará no sistema educativo galego
o espacio progresista de esquerdas, ata o de agora baleiro de contido.
Debe ser misión da Secretaría de Acción Estudiantil
da C.E.N. que saia do IXº Congreso Nacional recoller tódalas
siglas e entidades que foron quedando no camiño e sobrevivan e a
tódolos colectivos e movementos de estudiantes nin de órbita
conservadora nin nacionalista, e formar unha entidade estudiantil forte
que acometa a reconstrucción da nosa política estudiantil.
A cotío observamos como certas Agrupacións Locais de diferentes
localidades de poucos habitantes empregan como propaganda política
reivindicar para as súas vilas centros educativos, sen ter demasiado
en conta os custos económicos. Debemos esixir maior responsabilidade
ós nosos políticos. Ante todo temos que procurar ser austeros,
evitar no posible o luxo e o despilfarro. Coidamos máis rentable
en moitos casos prima-la subvención do transporte escolar que facer
unha Rede de Centros demasiado ampla e cara. Non debemos ter medo dunha
centralización racional e coherente. Asemade esta política
de austeridade debémola espallar a tódolos ámbitos
do sistema educativo. É obrigado prescindir de tódolos gastos
inútiles e superfluos. Os investimentos teñen que ir destinados
principalmente a gastos de persoal e de material docente, obviando vanalidades
como cerimonias innecesarias e demais ostentacións.
- Observamos que podería resultar interesante o trocar algunha
das funcións dos compañeiros profesores. Quizais fora productivo
distinguir entre a figura do mestre e a do examinador, xa que se podería
primar ós profesores en función da media das notas dos seus
alumnos, o que implicaría unha maior relación de interdependencia
alumno-profesor. Isto conlevaría a realización de exames
iguais ou semellantes, por tódolos estudiantes galegos, e tamén
o incremento dos exames tipo test, para acadar unha maior obxectividade
na corrección destes. O feito de realizar un único exame
para toda Galicia, centros privados incluídos, significa uniformiza-los
criterios de avaliación e de ensino, o que non implica que se tenda
a unha homoxeinización das distintas personalidades dos xóvenes
galegos, senón que só significa a garantía de que
os estudiantes han recibi-la mesma información, evitando no posible
desigualdades educativas entre persoas, o que non conleva que tódolos
xóvenes se desenrolen na mesma medida e do mesmo xeito, xa que a
educación debe permitir a cada persoa establece-la súa identidade
e idiosincrasia nun ambiente de liberdade e permisividade, dacordo cos
criterios ideolóxicos que o socialismo establece para conquerir
unha educación xusta e plural.
- A administración non só debe ser áxil e sinxela,
senón que debe ser atenta cos estudiantes. É tarefa dos alumnos
aprender, e non estar pendentes de trámites burocráticos.
A información debe ser pública, pero tamén ten que
ser máis directa e accesible para aquelas persoas máis relacionadas
con esa información. Coidamos que non ten que se-la persoa a que
solicite unha beca ou axuda, senón que é a Administración
a que lla debe ofrecer ás persoas que cumpran os requisitos: o estudiante
debería limitarse a aceptala ou non, iso si, facendoo público
e coa máxima transparencia para evitar irregularidades.
- Coidamos convinte elimina-las taxas pola obtención do título
e do expedente. Cremos que resulta abusivo facerlle pagar ó alumno
por un título polo que tivo que traballar durante varios anos, e
unha vez acadado se atope con que ten que aboar unha cantidade de cartos
que non ten xustificación de ser.
- A lei establece un número máximo de alumnos por aula
que case que nunca se cumpre. Como o noso deber é o cumprimento
da lei, é nosa obriga reduci-lo número de alumnos por aula.
Para elo, dende logo, hai que troca-la política feita ata o de agora
pola Xunta, xa que tende a unha diminución no número de profesores,
porque non se cubren moitas das prazas que quedan desocupadas por xubilación,
aproveitando o descenso do índice de natalidade. Os socialistas
en ningún caso podemos continuar a laboura de destrucción
de emprego público comezada polo partido conservador, senón
que, pola contra, debemos garanti-lo cumprimento da lei, conquerindo unha
axeitada proporción de profesores por alumno.
- Convimos que sería preciso potenciar no sistema universitario
as carreiras relacionadas cos principais sectores productivos galegos,
xa que o investir noutras licenciaturas supón preparar xóvenes
que se van ver obrigados a: emigrar para atopar traballo, no caso dos mellor
cualificados, o que suporía unha fuxida de talento, ou a traballar
en oficios distintos de aqueles para os que foron educados, coa conseguinte
frustración que isto suporía. Este mesmo razoamento sería
válido para o ensino medio: nos centros de Formación Profesional
débense impartir especialidades relacionadas coa economía
da zona.
- Coidamos convinte revisa-los convenios empresa-universidade. O actual
sistema de colaboración non favorece a incorporación dos
xóvenes ó sistema de traballo, senón que se está
a empregar ós estudiantes como man de obra barata. A universidade
realiza, dende o noso punto de vista, competencia desleal e impide a aparición
de investigación privada, xa as empresas teñen á súa
disposición estudiantes moi cualificados realizando traballos de
xeito case que gratuíto.
- Sen dúbida un dos principais problemas co que se atopan os estudiantes
universitarios é a vivenda. Podemos observar como os xóvenes
viven hacinados, en pisos de rentas demasiado altas, que non tódalas
familias se poden permitir. Dende a Xunta non só se debería
toma-lo control sobor dos prezos dos alugeres, senón que sería
necesario controla-la hixiene e habitabilidade dos pisos. Faise imprescindible
un rexistro de pisos de aluger para estudiantes, adoptando medidas de apoio
económico ós propietarios, ben a nivel municipal ou nacional.
Evidentemente, para reduci-lo prezo do aluger só hai que reduci-la
demanda, co que se require un aumento do número de prazas ofertadas
polas residencias universitarias. Así pois, é necesaria a
construcción de novas residencias, e a mellora das xa existentes.
Asemade, existe a necesidade dun regulamento interno válido para
tódalas residencias: como amantes da liberdade non podemos consentir
que o comportamento autoritario dalgúns directores cohiba as liberdades
esenciais dos xóvenes.
- O troco do sistema de adaptación e validación amósase
inxusto: o prezo aplicado por algunha universidade para validar ou adaptar
asignaturas semella non ir acompañado dun gasto que xustifique tales
prezos.
- Como socialistas, á hora de cuestionarnos o sistema universitario,
temos que partir dun postulado básico: unha aposta moi firme pola
universidade pública.
- Unha manifestación moi importante da relación entre a
universidade e a sociedade galega é a existente entre a institución
docente e os colexios profesionais. Segundo a profesión, a entrada
do estudiante no mercado laboral, ven condicionada por dita relación.
É por iso polo que é preciso un maior entendemento entre
ámbalas dúas entidades, co fin corresponsabilizarse á
hora de integrar ó xoven profesional na sociedade. Os colexios profesionais
galegos teñen que decatarse de que son as facultades das universidades
galegas as encargadas de formar ós estudiantes e de regular quen
está facultado académicamente falando para acceder a unha
profesión determinada. Isto contribuirá a mellora-la productividade.
Nembargantes, eses cambios non poden profundizar aínda mais na precariedade
do emprego, especialmente a padecida por nós, os xóvenes.
- A tendencia dos novos plans de estudios e das normativas de permanencia
deben estar dacordo coa necesidade de continuación en actividades
laborais. A universidade en xeral, non debe conformarse con preparar bos
profesionais, senón que tamén ten que garantir unha formación
íntegra da persoa que ten que vivir en sociedade. Débese
fomentar, neste senso, a relación do estudiante co mundo extra-
académico. Deste xeito, a universidade debe ter un fin integrador
do individuo, non só no mercado laboral, senón en toda a
sociedade en xeral.
- X.S.G. solicita a integración dos centros adscritos, por pensar
que sofren unha situación de discriminación coa universidade,
xa que non se teñen en conta, e os seus títulos son, xeralmente,
de menos prestixio.
- X.S.G. apoia a implantación do segundo ciclo de Relacións
Laborais, xa que pensa que o campo dos recursos humáns non está
integrado en ningunha licenciatura e, ademais, ó non ter acceso
a segundos ciclos, négase a estes alumnos o dereito a termina-la
súa formación, xa que só poden diplomarse e non licenciarse.
Asimesmo, apoiamos a calquera outra diplomatura que poida te-los mesmos
problemas ou trabas na formación do alumno.
- Amósase esencial establecer uns criterios comúns para
a construcción dos novos centros escolares, axeitándose ás
necesidades pedagóxicas. É de sentido común a construcción
de edificios intelixentes, que conquiran un máximo aproveitamento
da luz e restrinxan no posible a contaminación acústica.
Resulta esperpéntico observar institutos e colexios que non dispoñen
dos accesos adecuados para sillas de rodas, e algunhas das trabas arquitectónicas
que teñen que padecer algúns compañeiros.
- É prioritaria a incorporación total da informática
a tódolos ámbitos da educación. Debemos ensinarlle
a tódalas persoas dende moi pequenas o manexo do ordenador, polo
que se fai precisa a incorporación de asignaturas para tal fin.
Non debemos soñar cun mundo futuro controlado a traverso do ordenador,
senón que o debemos construír. Se somos conscientes de que
a humanidade evoluciona cara unha informatización da sociedade,
non podemos nin debemos quedarnos á marxe, senón que debemos
adiantarnos ós acontecementos, para acada-la modernización
do noso país. Non só abonda co achegamento dos alumnos ós
ordeadores, senón que hai que informatiza-la educación, non
introduci-lo ordenador como un fin, senón como un medio de ensinar.
Debemos de establecer e mellora-las redes informáticas entre os
centros educativos, permitindo ós alumnos relacionarse coa maior
diversidade de mentalidades posibles, así como asegura-la conexión
cos seus profesores. Debemos ofrecer, asemade, toda a información
posible nestas redes -ás que o alumno deberá poder acceder
dende calquera lugar-, non só a educativa: debemos crear e ofrecer
enormes bancos de datos con toda a información que un rapaz pode
recibir nun aula, permitindo que o alumno poda xestiona-lo xeito en que
quere recibir esta información.
- Na tentativa de modernizar e mellora-la nosa educación é
esencial espalla-lo emprego dos medios audiovisuais e das telecomunicacións,
non só mellorando os medios técnicos dos centros, senón
establecendo as bases e as conexións precisas, para que ós
xóvenes poidan asistir a través do ordenador ou da televisión
a conferencias, cursos, seminarios..., en distintos lugares do mundo. Debemos
elaborar vídeos e programas informáticos pedagóxicos
que fagan máis doada a aprendizaxe.
- Respecto á cultura e á comunicación, sen dúbida
o modelo de participación e desenvolvemento cultural de Galicia
non é o máis axeitado, dado que se desvirtuaron os mecanismos
e organismos creados para a existencia do ambiente cultural que permita
o desenvolvemento empresarial, de investigación e formación
de quen se adique de xeito cotiá a facer, defender e transmiti-la
cultura.
- A cultura galega é un patrimonio que X.S.G. ten que activar,
apoiando os seus mecanismos de defensa, coñecemento e difusión.
Este patrimonio débese transmitir ás xeracións vindeiras,
ampliado polas aportacións que ós xóvenes fagamos
hoxe e mañá.
- X.S.G. debe ser especialmente sensible na defensa do patrimonio histórico
galego.
- A participación dos xóvenes na cultura rexistra baixos
índices en Galicia. Potenciaremos o acceso á cultura, libre
e gratuita, apoiando iniciativas culturais, privadas e, sobor de todo,
públicas, reivindicando a dotación presupostaria pública
precisa para elo. Demandamos artellamentos básicos para potencia-la
estabilidade de programacións culturais nos concellos e escolas,
e para permiti-la optimización das inversións en infraestructuras
culturais (visitas a museos, bibliotecas, etc.).
- Defendemos o apoio á investigación cultural, patrimonial
e artística, tanto no eido tradicional galego como nas novas artes
e tendencias. Demandamos unha correcta política educativa cara a
cultura, coa regulación dos programas educativos nas escolas de
Artes e Oficios, conservatorios, escolas de Imaxe e Son, etc., ademais
da creación de estudios superios artísticos para complementa-lo
panorama universitario, como a Escola Superior de Arte Dramático
e a Escola Superior de Artes da Imaxe.
- Potenciaremos a formación dos artistas galegos, e o seu acceso
ó mercado cultural a traverso de axudas, becas, etc.
- O sector cultural galego é unha saída profesional e económica
na que maioritariamente están presentes os xóvenes. Por iso,
X.S.G. demanda unha política normativa e de apoio á distribución
e producción, e de creación de redes de espacios escénicos
e artísticos que manteñan unha programación continuada
que permita o mantemento de estructuras empresariais que creen emprego.
- Defendemos os intereses e demandas dos artistas no eido da contratación
laboral, e prestacións da Seguridade Social.
- X.S.G. establece un compromiso para o tratamento dos temas de xuventude
nos medios comunicación. Potenciaremos e apoiaremos o acceso dos
xóvenes ós medios de comunicación públicos,
e a utilización destes como canle de información, formacion,
orientación e promoción da xuventude.
- Tamén resaltamos a importancia da lingua galega como feito propio
e diferencial, o que fai que X.S.G. deba seguir apoiando as accións
de defensa e promoción da lingua galega na procura dun correcto
e xeneralizado bilingüismo. Ademais é preciso apoiar as linguas
estranxeiras como parte dos estudios académicos obrigatorios.
- Defenderase e apoiarase os artellamentos básicos para o acceso
ó deporte xeneralizado e gratuito, coa creación de infraestructuras
e programas de deporte de base. Apoiamos a formación de deportistas
de elite e a investigación para o deporte.
- Por todo o dito, X.S.G. sempre apoiará e defenderá unha
educación, cultura, e deporte públicos e de calidade pensando
no futuro social e laboral dos estudiantes.
Calquera suxerencia podes dirixila a: xxssg@geocities.com