X.S.G.
O ESTADO DO BENESTAR
- A etapa de governo socialista do estado español supuxo, sen
dúbida, unha mellora na protección social especialmente dos
máis desfavorecidos. A política socialista influiu de xeito
que a colectividade serviu de instrumento para a mellora da condición
de vida do individuo.
- Non debemos obviar avances importantes como o libre acceso de todos
a prestacións familiares, servicios sociais e asistencia sanitaria,
todo esto gracias á universalización das prestacións.
Tamén o mantemento do poder adquisitivo das pensións, debido
as medidas adoptadas neste senso e á creación de prestacións
non contributivas que corrixen as consecuencias máis severas da
pobreza, mediante a transferencia de rentas básicas de compensación.
Conqueriuse un ensino público que garante unha educación
gratuíta e ó alcance de todos ata os dezaséis anos,
namentres que o sistema de becas permitiu que calquer rapaz, independente
da súa condición socioeconómica, puidera cursar estudios
universitarios.
- A protección do obreiro medrou considerablemente, co subsidio
de desemprego e a eliminación do despido libre. Tampouco debemos
esquecer progresos na situación laboral da muller no medio laboral,
ou os adiantos na integración das minorías. Estes son só
algúns dos logros acadados pola sociedade durante o governo do PSOE.
- Mais non debemos entender estas melloras na calidade de vida como
propias dunha etapa da política do estado español, senón
que estas conquistas sociais son dereitos inherentes á persoa polo
feito de pertencer á sociedade, sexa cal sexa a tendencia política
do governo de cada momento. A dignidade humán está por riba
dos caprichos dos cambios políticos. Por iso esta organización,
como socialista e solidaria, non pode permanecer estancada, e debe participar
activamente na defensa das conquistas sociais. E debemos de anticipar as
solucións que contribúan ó mantemento destas melloras,
encamiñadas a establecer no Estado Español o estado de benestar,
estado de benestar que é o fin que resume na práctica calquera
política progresista.
- Os xóvenes socialistas consideramos que as melloras sociais
deben sustentarse en base a unha fiscalidade necesaria e marcadamente progresiva,
que é a única xusta e que, ademais, ten carácter solidario;
é dicir: debe reforzarse o estado de benestar sobor dos cartos recaudados
en base ós beneficios dos máis privilexiados, mantendo aberto
o fluxo de capital dende as clases máis altas ás máis
desfavorecidas.
- Para todo isto nós, os xóvenes, temos a obriga de
ser especialmente sensibles ás necesidades das persoas máis
desprotexidas, debemos de procurar preve-las novas formas de discriminación
que poida produci-la busca cega do meirande beneficio -que moitas veces
caracteriza ó capitalismo-, para poder anticipa-las solucións.
- Pero aquela visión optimista, e probablemente condicionada
pola nosa militancia socialista, non debe facernos caer na atrofia da nosa
loita. O noso traballo está inconcluso, e non debemos dar un paso
atrás no conquistado, porque sería retroceder na condición
humana do individuo. Nós temos a obriga de da-lo mellor de nós
para conquerir acada-lo máximo esplendor do estado de benestar.
E, irremediablemente, o derrubamento das fronteiras coa nosa incorporación
plena á comunidade europea fai que a cooperación de tódolos
socialistas europeos sexa especialmente necesaria, para adecua-lo marco
preciso para o asentamento do estado de benestar en Europa.
- A nosa principal loita é, sen dúbida, contra a pobreza.
Europa, unha das zonas máis ricas do mundo, alberga a vergoñosa
cifra de cincuenta e dous millóns de persoas ó borde da pobreza.
Os procesos de exclusión son dinámicos e están relacionados
non só co paro ou os baixos ingresos, senón tamén
coas condicións de vivenda, os niveis de educación e de oportunidades,
a saúde, a discriminación ou a integración na comunidade
local. Como consecuencia, a prevención e a loita contra a exclusión
social requiren a mobilización global de esforzos e a combinación
de medidas económicas e sociais, é dicir, dun aumento dos
esforzos a nivel económico, social e sobor de todo persoal.
- Non debemos esquecer, asemade, a problemática existente nas
zonas rurais, nas que, debido á situación socioeconómica,
con escasos estímulos para a xuventude, á pouca diversidade
do traballo, ós altos índices de paro, á delincuencia
e incluso, na maioría das veces, a un baixo nivel educativo, algunhas
persoas padecen unhas condicións de vida precarias, polo que precisan
da atención e axuda económica e social do estado.
- Pero é posible inverti-la dinámica da exclusión:
debemos contribuír con novas ideas nas accións encamiñadas
a disminui-las diferencias sociais xa existentes e previ-las que se poidan
dar no futuro, xa sexa cooperando coas asociacións de voluntarios,
ONGs, por iniciativa propia, ou sendo participes en calquera plataforma
institucional para a que sexamos requeridos e que non entre en contradicción
cos nosos ideais.
- Debemos, obviamente, centra-la nosa atencións nas demandas
dos colectivos xeracionais máis desfavorecidos: novos e vellos.
- Os movementos demográficos poden orixinar importantes conflictos
interxeracionais: o aumento da media de idade fará que debamos innovar
medidas que subsanen previsibles problemas.
- Hai que dar respostas a estes cambios. Debemos ser especialmente
sensibles á demografía, mantendo sempre unha visión
a longo prazo, xa que os trocos demográficos afectarán á
política social e económica e provocarán a interrelación
de estas e aquela materias.
- É preciso fomenta-las accións de interxeneracionalidade,
de xeito que xóvenes e vellos se entendan, que entendan as súas
culturas e se respeten. Os xóvenes non podemos desaproveita-la experiencia
acumulada polas xeracións anteriores, pero elo sen perde-la nosa
identidade, aportando o mellor de nós á colectividade. Como
membros dunha sociedade non podemos permiti-la falla de atención
nun sector tan necesitado dela como son os nosos vellos. Non nos poderiamos
considerar socialistas se non loitásemos para que todos teñamos
acceso ós mesmos dereitos, oportunidades e beneficios sociais.
- Debemos artella-las medidas precisas, sociais e legais, para garanti-lo
disfrute de tódolos beneficios xerados pola cooperación social,
cooperación á que é inherente a integración,
como grupo de peso social específico, das persoas de idade avanzada,
polos méritos adquiridos durante toda a súa vida como persoas
integradas nesta sociedade.
- Asimesmo, a discriminación de sectores sociais importantes
é un reto para a cohesión social e require unha mobilización
de esforzos por parte de tódalas forzas sociais. Europa, dende a
súa posición integradora, debe amosar que tódolos
colectivos de persoas teñen os mesmos dereitos fronte á sociedade,
a xustiza e a economía, e isto debe empezar dende a nosa nación
galega facendo ver que en Galicia poden convivir en paz e harmonía
todo tipo de seres humáns.
- Evidentemente, tampouco debemos esquecer un colectivo impotante
como é o dos discapacitados. Se un dez por cento da poboación
ten algún tipo de dicapacidade non podemos permanecer impasibles
ante as necesidades deste colectivo. Necesidades que poden variar considerablemente
dependendo dos diferentes tipos de minusvalía ou de factores tales
como a súa experiencia previa, o seu nivel de habilidade e as súas
circunstancias persoais. Ademáis, a cotío hai que adapta-la
axuda á gravidade da discapacidade. Existen na nosa sociedade unha
ampla gama de barreiras sociais que lles impiden acadar unha integración
económica e social completa.
- Hai que promove-lo benestar dos discapacitados ofrecéndolles
servicios sociais para os seus problemas específicos como saúde,
vivenda, cultura, ocio, etc., así como potencia-la súa rehabilitación
e formación, axudándolles a desenvolve-las súas capacidades,
para así poderen aporta-lo mellor de sí á sociedade.
- É preciso velar polo estricto cumplimento da lei: os distintos
axentes sociais deben vixiar e facer cumpri-la normativa actual sobre a
integración laboral dos discapacitados. Consideramos de importancia
esta laboura porque en moitas ocasións estáse incumplindo.
Debemos promover unha maior concienciación social sobor das verdadeiras
capacidades das persoas con minusvalías (eliminación de prexuizos
e estereotipos), facendo especial fincapé no relativo ás
capacidades mentais. Asimesmo debemos esixir unha maior atención
nos medios de comunicación ó colectivo xordo e ó cego.
Calquera suxerencia podes dirixila a: xxssg@geocities.com