X.S.G.


MEDIO AMBIENTE

ECODESENVOLVEMENTO

O crecemento económico que se veu producindo ata o de agora, sen ter en conta ningún factor medioambiental, lévanos a desenrola-la tese de que o sistema medioambiental se atopa nunha situación de caos absoluto.

Evidentemente, isto ven dado por unha serie de consecuencias marcadas dende os movementos económicos. Como exemplo de todo isto poderiamos poñe-la acumulación de capital e o desenvolvemento, que foi o que dominou tódolos procesos industrializadores. Hoxe somos coñecedores de que existen límites naturais, equilibrios ecolóxicos que é necesario preservar se queremos garanti-lo noso futuro. Esta idea choca bastante coa inercia de un sistema económico que xurdiu coa idea central de que o progreso e o desenvolvemento ilimitado eran posibles, conceptos que se poden equiparar co de crecemento económico medible contando cunhas poucas variables macroeconómicas. Nembargantes, a lóxica lévanos ó replantexamento doutro discurso. ¿Cal?: O "ECODESENVOLVEMENTO"

Dende X.S.G. entendemos por desenvolvemento sostible aquel modelo que poida garanti-lo desenrolo e a calidade de vida de tódolos habitantes do planeta sen ameaza-la continuidade da vida en toda a súa diversidade biolóxica. Fagamos nosa aquela máxima do Clube de Roma: "Pensemos globalmente e actuemos localmente".

O movemento ecoloxista que vemos extenderse con gran rapidez resposta á inquedanza dun grande número de persoas que ven con preocupación o rumbo de degradación e deterioro que sufre o noso planeta. Por iso, o movemento ecoloxista resposta tamén a unha crise obxectiva do actual modelo productivo, que só será superable a traverso de reformas estructurais dos nosos modos de producción e comercio. Neste senso, o movemento ecoloxista, ó demandar cambios profundos nos nosos sistemas económicos e sociais e ó preconizar novas ideas sobre conceptos como o desenvolvemento, calidade de vida, etc., se converte nun movemento progresista e nun potencial aliado do movemento socialista.

De todo elo deducimos que é necesario e transcendental que o socialismo incorpore o factor medioambiental a tódolos seus debates e á súa acción política máis inmediata, buscando solucións de futuro ós graves problemas existentes. Esta tamén sería unha boa fórmula para ‘enganchar’ a moitos xóvenes preocupados polo noso futuro e que buscan alternativas creíbles para marcar un cambio.

De xeito paralelo, debemos ter en conta a concienciación, non só individual, senón tamén a do conxunto da sociedade, sobor do inevitable de afrontar importantes mudamentos, xa que esa maioría é a que debe apoiar e impulsar ese proxecto. Para isto dende X.S.G. consideramos importante e necesaria a vertebración e consolidación dun movemento ecoloxista de masas que presione dende a sociedade e reivindique a adopción de medidas transformadoras eficaces. Despois de desenrolar este plantexamento teórico, X.S.G. debe pensar cal sería a mellor fórmula ou, se se quere, cómo se podería artella-lo mecanismo para dar saída e cobertura a esta problemática dende o movemento xuvenil. Dende X.S.G. partimos de dous obxectivos importantes: dunha banda, debemos incorpora-los valores do pensamento ecoloxista ó traballo diario de X.S.G., doutra, debemos contribuir como xóvenes socialistas e como organización á creación doutras organizacións afíns a X.S.G., organizacións fraternais que deberan conserva-la súa autonomía, pero que estarán marcadas por, e acordes con, a liña política de X.S.G. X.S.G. deberá manter boas relacións co resto do movemento ecoloxista de Galicia, e deberá tamén estimula-la incorporación dos xóvenes socialistas a organizacións ecoloxistas alí onde existan, para impulsa-lo proceso do movemento ecoloxista. Tendo como referente a J.P.E. (Jóvenes por la Ecología), a nosa organización federal, debemos manter no futuro os eixos centrais da súa actividade: a cooperación na tarefa de construcción dun referente asociativo medioambiental, o impulso a traverso dese referente de actividades de voluntariado medioambiental, desenrolando tódalas potencialidades desa nova modalidade de participación xuvenil, e unha clara asunción do compromiso de involucrarnos como organización xuvenil socialista galega que somos, nas tarefas de educación medioambiental e sensibilización que poidamos desenvolver, xa que é lóxico que os xóvenes estemos mais preocupados que ninguén polo medio ambiente, pois somos nós os que o vemos peligrar e os que tememos polo futuro. Dende X.S.G. nos comprometemos a traballar xunto ás organizacións ecoloxistas para aumenta-la conciencia social en torno a este problema, pero, como sempre, debemos de plantexarnos non quedarnos illados na teoría e si contribuir e materializar na práctica a mellora das cousas. Exemplo disto serían a utilización de papel reciclado ou a colaboración en campañas de ámbito local, sen esquecer temas como o control ambiental ou a plasmación de todo isto na xestión municipal. Asemade, debemos transmiti-la voz da sociedade e as nosas propias reflexións en temas relacionados co medio ambiente ás diferentes administracións, sendo para elo un obxectivo prioritario establecer relacións con todo tipo de movementos ecoloxistas galegos o outros referentes asociativos. Evidentemente, iso significa que debemos utilizar novos instrumentos organizativos en orde á consecución destes obxectivos, a cal esixe unha adecuada estratexia, tanto no ámbito interno, coma no externo. O papel que ten neste ámbito a educación é realmente importante. O educador ou pedagogo social debe de educar dende e para o medio ambiente ós seus alumnos/as, fomentando atitudes de respeto, e, sobor de todo, a solidariedade, colaboración..., xa sexa por medio de programas ou temas transversais (educación para o medio ambiente), ou a traverso de actividades extraescolares dende o Sistema Educativo.

Dende X.S.G. plantexamos como medidas urxentes:

CONCLUSIÓNS

En X.S.G. pensamos que se debe regular de xeito firme o control das zonas verdes destinas ó ocio ‘verde’ ou ecolóxico. Apoiamos tamén a potenciación, creación e conservación dos espacios verdes no medio urbán, así como a conservación e non degradación destes espacios no medio rural; promovendo a non edificación ou a edificación controlada neses lugares. Respaldámo-la creación de parques naturais en distintos lugares que requiren destes espacios para a protección, non só do seu ecosistema vexetal, senón tamén do animal, que forma parte importante do mesmo. Estas áreas deberán estar controladas para que a presencia humana se axeite ó medio natural e este non sufra alteracións. O proxecto tamén deberá ter en conta as demandas dos habitantes da zona para que estes non se vexan perxudicados. Propoñemos aplicar ó entorno animal tódalas medidas referidas ó natural ás que se poida suscribir aquel, como, por exemplo, invitar ós xóvenes a que se poñan tamén en contacto con asociacións para a defensa dos animais. Esiximos medidas para a protección de animais, especialmente para as especies en perigo de extinción. Protestamos polo emprego de animais para facer crueis experimentos ou para a utilización da súa pel para facer roupas que de xeito doado se poderían sustituir por materiais sintécticos. Os montes de Galicia son ricos en diversos tipos de fauna e, ó igual que sucede coas especies vexetais, nas animais tamén existen especies autóctonas, e por iso debemos favorecer e protexe-lo seu asentamento nas zonas que estas precisen. Deberíase revisa-la lexislación vixente sobor da caza, xa que en moitas ocasións os disparos ou a presencia dos cazadores en determinadas zonas perxudica a reproducción de certas especies, debendo prohibirse a caza neses lugares. Tamén debemos esixir maior dureza das autoridades competentes para os cazadores que incumpran a lei e cacen en terreos nos que está prohibido, ou leven máis pezas das permitidas -ou dun tamaño menor ó establecido pola lei no caso da pesca-. As Agrupacións Locais poderíanse poñer en contacto coas sociedades protectoras de animais, para axudalas e tamén para vixiar que non se maltraten ou sacrifiquen os ainimais do xeito en que sucede nalgúns sitios.

Tal vez chegou o momento de reflexionar sobre o que significa a calidade do medio ambiente, pois para crear un entorno de calidade non abonda con colocar uns cantos bancos, algunhas árbores e declarar un espacio como zona peatonal: é necesario un enfoque integrado. A sensibilidade actual sobre a problemática ambiental ten connotacións e influencias recíprocas con outras aspiracións de amplos colectivos cidadáns nos países industrializados, como son as preferencias polas satisfaccións cualitativas, ou unha maior preocupación pola saúde e o benestar psicofísico, -que en algunhas capas sociais chega ata o extremo de certo tipo de culto ó corpo-. Así, cada vez mais, amplas capas da poboación dos países occidentais ven a necesidade de "pensar globalmente e actuar localmente". Polo tanto, o mellor lugar para comezar calquera campaña de educación ambiental é a escola, para proseguir a continuación co resto dos sectores sociais. Como exemplo disto poderiamos poñe-las campañas de reciclaxe de papel que se levan a cabo nas escolas primarias, os obradoiros que se organizan nos institutos de bacharelato... Dende X.S.G. pensamos que debe impoñerse a lóxica, e que a sensibilidade ecolóxica deberá ir parella á solidariedade, xa que debemos facer nosa a xa repetida máxima do Clube de Roma "Pensemos globalmente e actuemos localmente".


Calquera suxerencia podes dirixila a: xxssg@geocities.com