X.S.G.
OBXECCIÓN DE CONCIENCIA
LIMIAR PROPOSTA DE DEBATE E REFLEXIÓN
En X.S.G. declarámonos antimilitaristas e pacifistas. Apoiamos firmemente a obxección, de conciencia, e non de conciencia. A Obxección de Conciencia é un dos temas máis tratados e debatidos nos últimos anos polo conxunto da sociedade, preocupada, cando menos nalgunha ocasión, polas condicións socioculturais e laborais nas que se desenvolven os rapaces máis novos. Ata hai ben pouco, todo o vencellado ó Servicio Militar, a propia Obxección de Conciencia, a insubmisión, e outros temas, eran tratados con certas reservas: semellaban asuntos preocupantes somentes para determinados colectivos ou persoas especialmente sensibilizados polas cuestións militaristas. Hoxendía temos que decir que se observa un cambio radical no xeito de tratarmos estes temas, así como no número de persoas, colectivos, asociacións e sindicatos interesados pola prosperidade da idea dun exército cada día máis profesionalizado, e pola liberdade de conciencia e pensamento dos xóvenes no eido social. De tódolos xeitos non é todo tan doado. Hoxe por hoxe, a resposta positiva que se está a dar á Obxección de Conciencia polos grupos sociais, non vai parella á regulación legal e ó tratamento administrativo que se lle presta. Por unha banda, asociacións e obxectores rexeitan, considerándoa fundamentalmente "sancionadora e represiva" a Lei da Obxección de Conciencia ou L. O.C. Debe ser, polo tanto, unha das nosas prioridades, no peche deste limiar de presentación do documento, a de fomenta-lo debate sobre esta temática e outras relacionadas con ela, vertebrando ese debate, recollendo e discutindo as críticas positivas ou negativas contra a actual lexislación, outorgando ós xóvenes a posibilidade de escoller ‘libremente’ unha educación na paz, e incrementa-lo ambiente de discusión, elevándoo ós Parlamentos, administracións e distintos governos, así como a outras institucións públicas.
A NECESIDADE DUNHA OBXECCIÓN DE CONCIENCIA
A necesidade dunha Obxección de Conciencia, tal e como o propio encabezamento indica, obedece, como xa se dixo, a un dos movementos xenerados dende o colectivo xuvenil dende hai anos e con certa forza. Temos que partir da base política, e isto é ben certo, que a base de X.S.G. constitúena unha maioría de xóvenes e xente nova directamente afectada por este tema. Tamén, afondando no xa dito, o presente documento quere dar un paso máis na traxectoria seguida ata o de agora por X.S.G., e apoiar e recoñecer expresamente o dereito que teñen os mozos galegos a ser obxectores de conciencia e ó exercicio deste dereito con tódalas garantías legais e políticas. Aquí xurde o concepto de SOLIDARIEDADE, vital para o entendemento de tódolos conceptos dos que falaremos no que segue desta parte. Asemade, é un trazo característico dos partidos democráticos, das asociacións políticas, e dos sindicatos, o traballo pola PAZ. Aquí debe estar X.S.G. Será o noso deber, na presentación e exposición deste documento o de facer partícipes de, e trasladar a, tódolos xóvenes e persoas da sociedade, o debate pola PAZ; pola extensión, como xa se dixo, do debate e da exposición de ideas. Así, polo tanto, tentaremos potenciar canles de información e intercomunicación que fomenten a capacidade dos xóvenes para tomar decisións por si mesmos. Na obtención desa PAZ sinalada e na consecución dunha sociedade máis democrática, xusta e libre, debe participar activamente o grupo e masa social que as XX.SS. representan en Galicia e no resto do Estado. Con todas estas razóns e mais con algunhas que persoalmente todos temos, pensamos que hai suficientes como para abrir, potenciar e canaliza-lo debate político no seo da nosa organización, para ofrecer ós novos, ós mozos, a posibilidade real de obxectar sen ningún tipo de ameaza. Neste senso temos que dicir que nos últimos anos a porcentaxe de obxectores no noso país e no conxunto do Estado medrou considerablemente , aínda que é ben certo que a comunidade de Galicia ten un menor número de obxectores en relación a outras comunidades españolas. Así e todo, debemos decir tamén que o número de obxectores ven sendo moito mais elevado nas cidades que nas vilas pequenas e aldeas illadas, co que vimos relaciona-la obxección coa información, en cantidade e calidade.
A REALIDADE ACTUAL DA OBXECCIÓN
Neste punto, é ben certo, xa que logo, que existe a Obxección de Conciencia, os obxectores e todo este movemento ó seu redor porque existe, asemade, un exército non profesionalizado, de moi baixo rendemento, con altos orzamentos e de escaso beneficio, que mantén, ademais, unha serie de valores deteriorados tralas situacións experimentadas polo conxunto da poboación na posguerra. Estes valores son: sumisión, sexismo, totalitarismo, xerarquización..., e algúns outros que conxugan unha realidade que os xóvenes de hoxe, maioritariamente, non comparten. Por outra banda, o número crecente de obxectores tamén está a crear nos últimos anos unha serie de problemas á Administración. Os resultados inmediatos son a escaseza de postos para a colocación deses obxectores no seu cumprimento da prestación social sustitutoria, e a falta inxente de voluntarios que queran acudir ó exército, ó que está a provocar que moitas prazas fiquen baleiras e que haxa, non un "sorteo" por ano, senón dous coas "prazas de incorporación inmediata" , verdadeiro encubrimento da realidade de hoxe no exército español. É ben certo, polo tanto, que estamos a tratar un dos temas máis complicados destes anos e que, ata hoxendía, aínda non fomos quen de atoparmos unha solución de consenso sobre a posibilidade da desaparición do Servicio Militar universal e obrigatorio para todos. O papel que neste punto e na súa resolución ten que xogar X.S.G. -aínda que nesa tarefa obrigadamente deben participar, e participan, outras forzas sociais-, será a de valedor ou valedora dos xóvenes que poidan ignorar ou dubida-las condicións nas que se vai desenrola-lo seu rol no Servicio Militar, ou, no seu defecto, na Prestación Social Sustitutoria. Será tamén plantexamento noso o feito de cambiar certas ideoloxías encravadas no pasado. Se ben, non podemos modificar algúns estamentos do núcleo do exército, si que poderemos achegarnos á sociedade para que vexa a Prestación Social Sustitutoria como verdadeira saída para un problema, o ‘Servicio Militar’, que ten solución a curto prazo. Ese curto prazo do que falamos pode vir marcado pola política que nestes intres está a face-la dereita en Madrid, unha política baseada no anuncio de medidas concretas ou inconcretas sobre calquera tema e a súa posterior anulación. Isto lévanos a pensar que diante das expectativas abertas sobre a profesionalización do exército, en tempos de reducción de orzamentos e elevación da presión fiscal para os traballadores, esta medida pode ficar pechada no caixón do ministro correspondente. De feito, a limitación de información sobre a Obxección de Conciencia é un dos métodos que emprega o Estado para restrinxi-lo seu exercicio. Aí deberá estar X.S.G., en coordenación, como xa se dixo, con outras organizacións. É mester, xa que logo, facilita-la intercomunicación, dirixíndose con énfase ós xóvenes. Neste senso, debemos emprazar ás distintas administracións -local, rexional e estatal-, a favorecer esta información con amplas campañas informativas, por exemplo sobre o dereito en cuestión. E é que un dereito fundamental como é este da Obxección de Conciencia á prestación dun Servicio Militar non pode ocasionar perxuizos ós xóvenes a traverso dunha negativa incidencia no mercado de traballo. As entidades receptoras coas que o Ministerio de Xustiza asine os correspondentes convenios han de cumpli-la lei e, polo tanto, formar axeitadamente ós seus colaboradores sociais e non asignarlles tarefas propias dun posto de traballo ordinario. A propia Constitución Española no seu artigo 16 fala da liberdade ideolóxica de tódolos españois. Polo tanto, esa P.S.S. non debería ser unha alternativa sancionadora para os obxectores que non queran face- lo Servicio Militar "Obrigatorio". Noutro eido de cousas, ante a situación, se cadra dramática, que na actualidade está a sufrir un amplo colectivo de mozos que pretenden forzar coa "insubmisión" a desaparición do denostado Servicio Militar Obrigatorio, pensamos que X.S.G. debe ser solidaria para con todos eles, sendo foro de debate para a discusión das súas propostas. Debemos abri-lo debate sobre a propia insumisión e a desobediencia civil, se cadra como xeito de participación política lexítima, e incluso solidaria e comprometida co ben social, dado que a situación lexislativa actual, como xa comentabamos, non permite mante-los dereitos dos xóvenes á hora de afronta-la Obxección de Conciencia. Asemade, solicitamos un cambio lexislativo, no senso de reformas profundas, e a desaparición de castigos penais para aqueles que non estean dacordo cunha forma de entende-la "política" militar, cáseque unha herdanza do escuro pasado franquista. É importante lembrar tamén que na sociedade na que estamos a vivir, está xurdindo un novo movemento progresista vencellado á independencia e igualdade de dereitos da muller, rachando por tódalas partes outro "legado" franquista e nada socialista. Esa igualdade de oportunidades, esixe de forma inmediata unha igualdade no trato social, e, polo tanto, a non obrigatoriedade de ningún tipo de servicio alleo ós que realmente son beneficiosos para a comunidade, e que se basean en asociacións, colectivos, hoxendía O.N.G.s, e tantos outros. De feito, as propias mulleres, están a xogar un papel fundamental neste eido, ó colaboraren estreitamente nos colectivos antimilitaristas e de educación pola Paz. Con todo isto queremos dicir que será importante destacar, fronte á Prestación Social ou Servicio Militar obrigatorios, un cultivo de valores baseados no voluntariado e na solidariedade, sen pretender unha obrigatoriedade xeneralizada e que, ademais, menosprecia á persoa.
O TRABALLO NECESARIO
Como xa temos comentado, X.S.G. deberá colaborar na medida do posible na loita contra a inxustiza nestes eidos e, polo tanto, asinar algúns dos puntos que destacan este tipo de organizacións pacifistas. Representamos esquemáticamente algúns :