X.S.G.
POLÍTICA
MUNICIPAL
- É unha ocasión de máxima importancia para os/as
xóvenes galegos/as en particular, e para o conxunto da sociedade
galega en xeral, que X.S.G. plasmen nun documento político as súas
inquedanzas, obxectivos e, por suposto, os medios necesarios para acadalos,
nun ámbito tan importante como a política municipal.
- Os/as xóvenes socialistas pensamos que é a partires do
concello como mellor se pode plasma-lo principio xeral de servicio ó
interese xeral da cidadanía, pois trátase da administración
máis próxima ó cidadán. Tras máis de
dez anos de experiencia e funcionamento da Lei de Bases de Réxime
Local, é preciso aborda-la súa reforma, tanto para mellora-la
capacidade operativa dos municipios, como para establecer novos mecanismos
de control sobor dos mesmos e das súas actividades (como a contratación
de persoal), tendentes a garanti-lo axeitado cumprimento da lei.
- Estes dez anos puxeron de manifesto importantes diferencias xurídicas
no control da xestión municipal. Os concellos realizaron particulares
e interesadas interpretacións do texto legal, debido, en grande
medida, á falta de precisión no seu articulado, o que, unido
á inoperancia contrastada do recurso contencioso-administrativo,
chegou a converter á meirande parte destas institucións en
núcleos pechados de imposible acceso, semellantes a "coutos
privados" dos caciques de turno.
- En base a isto, é necesario plantexa-la creación dun
novo estamento supramunicipal, que entenda e resolva de xeito rápido
e eficaz sobor dos conflictos derivados do desenrolo da xestión
e actuación municipais.
- Os xóvenes socialistas debemos reprantexa-lo papel das Deputacións
dentro do marco legal da Lei de Bases de Réxime Local, debido á
duplicidade de competencias e á absoluta falta de transparencia
no desenrolo da súa actividade, sendo na práctica uns meros
repartidores de prebendas e favores entre os seus acólitos e "señores
territoriais".
- Por iso propoñemos a total reconversión no prazo máximo
de dez anos, pasando gradualmente as súas competencias ós
municipios, ás comarcas, ás mancomunidades e ás novas
estructuras de agrupacións municipais. É preciso chegar no
tempo máis curto posible ó reparto do 50-25-25 % (corresponsabilidade
fiscal) para atalla-la difícil situación financieira dos
concellos, provocada ó teren estos asumidas competencias propias
e doutras administracións sen o necesario apoio económico,
sendo obvia a necesaria clarificación competencial estatal, autonómica
e municipal.
- Asimesmo, coidamos de urxente necesidade en tódolos concellos
a creación dunha figura política que integre as necesidades
veciñais coas posibilidades reais do concello, obrigando a reunións
periódicas nas que os seus acordos teñan carácter
vinculante para a inclusión nos distintos presupostos de obras e
servicios daqueles que os cidadáns consideren máis importantes.
- No eido estrictamente xuvenil, constatamos que as competencias locais
en materia de xuventude son escasas e pouco clarificadoras, e, polo tanto,
propoñemos que as distintas corporacións en condicións
legais e financieiras adquiran o compromiso claro de levar a cabo as seguintes
competencias:
- - xestión de tódolos equipamentos adicados á xuventude
- - albergues e campamentos
- - Casas da Xuventude
- - centros de información xuvenil
- - centros de programación cultural
- - programas de asociacionismo xuvenil
- - programas específicos de emprego
- - cursos de formación ocupacional directamente relacionados
coas condicións socioeconómicas do medio no que se desenvolven.
- Por todo o exposto, X.S.G. esixe que, dende un proxecto progresista,
non se esqueza un novo impulso municipalista, tremendamente necesario para
afrontar un horizonte histórico, tanto para o noso país galego
como para o resto de Europa, no que o papel dos municipios deberá
ser protagonista e peza esencial na profundización e creación
de espacios con alta calidade de vida, competitivos económica e
socialmente, capaces de aliarse cos seus veciños, seguros, limpos,
ordenados e dotados de proxectos ambiciosos na procura de obxectivos tan
importantes como a igualdade, a liberdade e a xustiza social.
- Non debemos esquece-lo noso pasado emigratorio, polo que temos a obriga
de loitar nos nosos concellos por acoller sen ningún tipo de discriminación
ós novos cidadáns.
Calquera suxerencia podes dirixila a: xxssg@geocities.com