X.S.G.
SAÚDE
- CONSIDERACIÓNS XERAIS
- A importancia da saúde na vida de todos fai que abordemos con
seriedade este tema. Debe ser un principio de X.S.G. a loita pola defensa
do sistema público de saúde gratuíto e de calidade,
a traverso de medidas diversas, entre as que pode figura-la participación
nas plataformas sociais creadas ó efecto.
- A sanidade é, sen dúbida, un dos pilares da ideoloxía
socialista, e así o demostrou o Partido Socialista Obrero Español
durante a súa etapa á fronte do governo do Estado. A ledicia
de comproba-la maior dignidade humán coa mellora da calidade da
sanidade non debe facer que nos deteñamos na procura do perfeccionamento
do sistema sanitario. Conqueriuse espallar este servicio a case toda a
poboación. Os cidadáns do Estado Español tiveron dereito
a unha sanidade gratuita e igual para todos, independentemente das súas
posibilidades económicas. Pero este aumento na cobertura sanitaria
produciu unha masificación, chegando incluso á saturación
dos hospitais, o que desembocou en longas listas de espera e un empeoramento
da calidade do servicio. Isto permitiu a consolidación da sanidade
privada, que, xunto coa desafortunada política dos gobernos conservadores
en distintos ámbitos e coa confrontación con certos sectores
dos médicos, provocou unha preocupante involución no desenrolo
da sanidade, o que pode encamiñarnos de novo a unha sanidade clasista,
na que perigue a dignidade do proletario.
- Non somos quen de cuestiona-lo sistema conquerido polo pobo durante
moitos anos de loita, pero si nos atreveremos a tentar aportar algunha
suxerencia que axude a acada-los fins establecidos pola nosa fermosa idea,
o socialismo:
- - A sanidade é pública e gratuita para tódolos
cidadáns. Os socialistas galegos debemos realizar unha política
sanitaria que asegure a universalización deste servicio para tódolos
galegos, sen exclusión.
- - Consideramos que unha das principais melloras que os socialistas
galegos debemos aportar ó sistema sanitario é un troco na
atención ós enfermos mentais: debemos construír en
Galicia os centros adicados ás enfermidades mentais, de xeito que
se poida atende-la demanda existente. Coidamos que non podemos facer recaer
a responsabilidade destas persoas sobor dos seus familiares, aínda
que a familia é sempre un elemento beneficioso na curación
de calquer enfermo. O Estado debe ofrecer unha atención eficiente
e especializada, de xeito que se evite que, como ata agora, sexan especialmente
as amas de casa as que teñan que atender ós cidadáns
con enfermidades mentais.
- - Pensamos que se debe desliga-la atención a drogodependentes
da atención a enfermos mentais. A adición ás drogas
-consideramos obviamente a alcolemia como unha das principais drogas- necesita
un tratamento distinto do que se aplica ás enfermidades mentais,
polo que Galicia precisa dos centros axeitados para aplicación deses
tratamentos.
- - Asimesmo, cremos que a base da sanidade pública debe se-la
relación médico-enfermo. Debemos dotar de maiores competencias
ós médicos de cabeceira. Debemos impedir que, como se ven
facendo ata o de agora, estes descarguen o seu traballo nos especialistas,
o que é unha das causas do colapso que se produce nos hospitais
públicos. Para conquerir iso, debemos dotar de mellores medios ós
centros de saúde das vilas galegas, xa que é aí onde
debemos e podemos mellora-la atención ó enfermo. Ademais,
debemos dotar da tecnoloxía precisa a estes centros para que poidan
asumir estas responsabilidades. É necesario conectar por redes informáticas
cada un dos despachos dos centros de saúde entre eles e cos centros
especializados, de xeito que os médicos de cabeceira poidan obter
outra opinión cualificada sen ter que mandar ó paciente ó
centro de especialidades, evitando as molestias e os gastos que elo supón,
e evitando aumenta-las listas de espera. É imprescindible dotar
da infraestructura en telecomunicacións precisa, para que se poidan
envia-las imaxes dixitalizadas dun centro a outro, ou, por exemplo, para
que os médicos teñan acceso a bancos de datos onde conquerir
calquera información que precisen para emitir un diagnóstico.
- - Na nosa opinión, debemos evitar no posible as grandes superficies
hospitalarias, xa que levan inherentes certo caos e desorde, dado o gran
número de persoas que se moven nelas. Isto provoca un descontrol
sobor da situación, que acaba repercutindo na atención ó
pacente. Coidamos que o cidadán síntese máis arroupado
nos centros de saúde, onde ten máis familiaridade co entorno.
Por elo, a política da Xunta de Galicia debe ir encamiñada
á mellora da atención primaria nos centros de saúde.
- - En ningún caso permitiremos ningún tipo de taxa ou
imposto sobor dos medicamentos ou consultas. Somos conscientes do malestar
que crea entre a poboación o feito de que moitas persoas se aproveitan
da sanidade pública. Todos coñecemos exemplos nos que pensionistas
abusan do feito de teren medicamentos gratuitos, pero isto non xustifica
en ningún caso novos impostos, e menos no senso en que os establecen
os partidos conservadores, no que as taxas non son en ningún caso
proporcionais ós ingresos das persoas. Coidamos que os verdadeiros
responsables desta situación son os médicos: eles si poden
evita-lo abuso dalgúns cidadáns, pero resúltalles
máis doado non implicarse. Este é outro dos motivos que nos
invitan a considerar un troco sustancial no control sobor dos médicos,
e no regulamento interno.
- - Vehículos: Todo centro de saúde debería posuír
vehículos que permitiran o desprazamento dos médicos ós
domicilios dos pacientes. Debérase, incluso, de contempla-la figura
do doutor destinado a estes menesteres, sempre e cando se conquerira a
compenetración precisa entre o médico de cabecera do paciente
e dito doutor itinerante.
- - Tarxetas magnéticas: Sen dúbida, a introducción
das tarxetas magnéticas para cada paciente suporía unha considerable
mellora dos trámites burocráticos, así como un importante
aforro a longo prazo, xa que, unha vez que se conquira a conexión
informática entre centros de saúde e farmacias, elo conlevaría
a eliminación de recetas; sen esquecer que mediante un sistema similar
tamén se podería prescindir dos volantes para especialistas.
- - A consulta a un dos referidos especialistas, se é precisa,
non debera ter que ser solicitada polo cidadán, senón que
unha vez que especialista e médico de cabeceira acorden a necesidade
de tal consulta, no mesmo intre se lle comunicará ó enfermo
a data e hora da súa consulta, sen ter que preocuparse por ter que
pedir vez, eliminando máis trámites, o que repercute na comodidade
do cidadán.
- - Atención xeriátrica: Unha das principais deficiencias
do actual sistema sanitario é o da atención ós nosos
vellos, que, pola súa condición, constitúen un dos
sectores sociais que precisan máis consideración. Todo ser
humán precisa o coidado do Estado, pero, principalmente, os da terceira
idade. Non se pode consentir que os nosos vellos vivan en condicións
infrahumáns. Son precisas melloras no plan de atención ós
maiores. Galicia debe posuír un número axeitado de residencias
que dean cobertura total á demanda existente, así como continuar
coa política, comezada na etapa socialista, de entretemento dos
anciáns. Accións como as viaxes do I.N.SER.SO., amosaron
unha mellora na calidade de vida deste colectivo, que ademáis conleva
un importante aforro en sanidade, xa que implica unha mellora no ánimo
da persoa que a fai menos propenso á enfermidade. Debemos entende-lo
entretemento dos vellos como unha vacinación contra a enfermidade.
Non se pode permitir que ningún vello galego viva en soidade, traballando
ata idades pouco recomendables, como sucede hoxendía nas nosas aldeas.
Un dos obxectivos da política socialista é conquerir o respeto
da dignidade humán, e isto leva implícito o que toda persoa
teña unha senectude tranquila, protexida polo Estado.
- - Revisións obrigatorias: Consideramos que unha medida que suporía
un importante custo a curto prazo, pero un importantísimo aforro
a longo (tanto en consultas coma en medicamento), sería a de obrigar
a tódolos galegos a pasar unha ou máis revisións médicas
no ano. Os centros de saúde deberían enviar unha carta a
cada galego asignándolle hora e día de consulta, e sería
obrigatoria a súa asistencia, estando ese día libre de toda
obriga de traballo ou ocupación. Isto suporía poder atallar
moitas enfermidades a tempo, evitando as desagradables consecuencias que
estas poden traer. Evidentemente, os custos de prevención son sempre
inferiores ós que supoñen a curación, polo que esta
medida suporía un importante aforro para a sanidade pública,
o que permitiría a súa supervivencia. Iso si, este aforro
non se produce inmediatamente e chocaría cos intereses dos partidos
de rentabilizar electoralmente a política realizada no periodo de
catro anos.
- - Doantes: Un dos principais problemas da sanidade é falla de
doantes, tanto de órganos como de sangue. En ningún caso
consideraremos éticamente aceptable a retribución económica
ós doantes, pero si cremos que temos que potenciar activamente a
doación. É preciso facer campañas de sensibilidade,
e procurar maiores beneficios para os doantes. Un doante adopta un postura
solidaria ante a sociedade polo que ten que ser premiado por esta antes
que os que permanecen indiferentes antes as necesidades do colectivo.
- Dentro das enfermidades provocadas pola e/ou que provocan discriminación
e que afectan á xuventude, debemos falar de:
- -SIDA.
- -Drogadicción
- -Anorexia e Bulimia
- A SIDA.
- No estado español a SIDA é a primeira causa de mortandade
na poboación de 25 a 39 anos.
- A loita contra a marxinación social e o rexeitamento que se
produce cara ós afectados polo V.I.H. ha de ser unha acción
importante na nosa Organización. A prevención da S.ID.A.
e a loita contra o rexeitamento social serán prioridades no noso
traballo, que se baseará en:
- - A loita polo aumento significativo da dotación económica
ás asociacións que traballan na prevención e atención
dos enfermos da S.ID.A., así coma dos cartos adicados á investigación
da enfermidade e á busca dunha vacina para a súa curación.
- - O impulso e participación en campañas de prevención
e solidariedade onde promovamos o uso do preservativo.
- - A loita polo abaratamento do preservativo.
- - A gratuidade dos medicamentos para tódolos enfermos que así
o soliciten.
- - A información sobre a S.ID.A. e o fomento da educación,
tanto no ensino público coma no privado, e a existencia de servicios
específicos de atención á mocidade.
- - A nosa manifestación en contra da marxinación dos enfermos
da SIDA e a aposta pola integración dos mesmos na sociedade.
- DROGODEPENDENCIAS
- A solución deste problema debe buscarse nun marco internacional
en dous sentidos:
- - Reducción da demanda: loitando contra as condicións
sociais que motivan as toxicomanías, recoñecendo éstas
como unha enfermidade social e, polo tanto, á/ó toxicómana/o
como un enfermo. Ademáis, é preciso educar á mocidade
en estilos de vida saludables, xerando as condicións que fagan posible
a plena integración da/o moza/o na sociedade.
- - Reducción da oferta: nas drogodependencias orixinadas por
drogas ilegais a reducción prodúcese mediante un descenso
da producción e/ou un maior control do comercio internacional do
narcotráfico nas súas dúas vertentes: distribución
e comercialización do producto, e branqueo de cartos xerados por
este comercio. A reducción da oferta de drogas legais-tradicionais
supón tamén a adopción dunha serie de medidas de carácter
internacional que hoxe por hoxe ningún goberno plantexa.
- DESPENALIZACIÓN.
- Xuventudes Socialistas de Galicia avogan pola non penalización
do consumo e posesión para consumo de drogas ilegais.
- Con respecto á despenalización do comercio das drogas
teremos en conta os siguentes factores:
- - A distinción ética entre as drogas legais e ilegais.
- - As consecuencias do abuso no uso das diversas drogas.
- - Valoración da situación actual.
- - As repercusións dunha posible despenalización.
- Serán accións a desenvolver:
- - Aproximación á realidade do consumo de drogas no noso
País.
- - Avaliación dos centros públicos asistenciais existentes
nos nosos concellos.
- - Realización de campañas de prevención e información
á mocidade.
- - Apertura dun debate sobre as drogas na nosa federación.
- - Educación para a saúde e análise dos factores
que levan ó consumo de drogas. Busca de alternativas.
- ANOREXIA E BULIMIA
- Esta enfermidade, que afecta maioritariamente ás mozas, ten
a súa orixe na sociedade de consumo, nos estereotipos e concepto
de beleza vixente, e conleva discriminación e autodiscriminación.
Non só é necesario concienciar á sociedade para non
manter posturas separatistas cara esta doenza, senón tamén
axudar a fomenta-la información e apoio psicolóxico a eses
enfermos para que eles mesmos non se autodiscriminen.
- Dende X.S.G. traballaremos nos seguintes eidos:
- - Análise da situación da enfermidade en Galicia, e denuncia
da posible pasividade das autoridades sanitarias galegas ó respecto.
Plantexamento dunha alternativa sobre o seu tratamento nos hospitais do
SER.GA.S.
- - Información sobre a doenza: o seu tratamento, onde dirixirse,
cómo se produce, factores sociais que inflúen nela, síntomas...
- - Denuncia dos factores sociais que provocan esta enfermidade. Fomento
de programas de análise crítico contra a publicidade, pois
é un factor de importante influencia en adolescentes.
- - Realizar campañas informativas e preventivas.
Calquera suxerencia podes dirixila a: xxssg@geocities.com